O 14 de xaneiro reuniuse o pleno do Consello da Economía Social en Galicia. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou que en 2021, e a pesares da situación pandémica, creáronse na comunidade 174 novas iniciativas que aglutinan 521 persoas socias promotoras e destacou como prioridade para o Goberno galego, o potenciamento da economía social como fórmula económica atendendo aos valores que promove como a solidariedade, a democracia empresarial e o apego co territorio..
Os datos reflicten un total de 3.150 entidades de economía social activas: 1.571 sociedades cooperativas, 1.448 sociedades laborais, 117 centros especiais de emprego e 14 empresas de inserción. No tocante á presenza feminina destacouse que, no caso particular das cooperativas creadas en 2021, supoñen case o 51% das persoas socias.
Por outra banda, lembrouse a existencia do primeiro Catálogo de entidades e empresas de economía social de Galicia, que pode atoparse na páxina web www.catalogoeconomiasocial.gal.
O catálogo, como recolle a páxina da Xunta, recolle "máis de 7.000 referencias de entidades e empresas da economía social nas que ademais das fórmulas empresariais -cooperativas (son o 22,5%), sociedades laborais (20,5%), empresas de inserción laboral (0,20%) e centros especiais de emprego (1,6%)- constan entidades doutra natureza como comunidades de montes en man común ( o 42,75%), sociedades agrarias de transformación (10,3%), Confrarías (0,89%), agrupacións forestais (0,61%), montes de varas (0,45%), sociedades de fomento forestal (0,20%), comunidades de bens (0,14%) e mutualidades (0,04%)".